“Luppo” acada o Premio ao Mellor Espectáculo Infantil e Familiar na 18ª Feira de Teatro de Castilla y León - Ciudad Rodrigo

O certame é un dos máis importantes de España e todo un referente do sector das artes escénicas a nivel europeo.

O premio foi concedido pola Asociación de Amigos del Teatro de Ciudad Rodrigo, entidade organizadora da Feira, que en agosto celebrou a súa XVIII edición e que foi visitada por máis de 35.000 espectadores. O premio acadado por Baobab é o máximo galardón na súa categoría e un dos de maior recoñecemento e prestixio a nivel nacional. O certame entregou ademais outros dous galardóns: Mellor espectáculo de sala e Mellor espectáculo de rúa, concedidos ás compañías extremeñas: Teatro del Noctámbulo e Albadulake, respectivamente.

Luppo

A última montaxe de Baobab Teatro foi seleccionada entre máis de 1000 propostas de todo o mundo. Trátase dun espectáculo de sentimentos e emocións pensado para adultos e pequenos a partir de 4 anos, que fala do ciclo da vida, do apego coas persoas, da relación cos nosos veciños e maiores e da importancia das historias que construímos ao longo da nosa existencia.

A peza está protagonizada por un home maior que vive so e todos os días ás 12 en punto de cada mañá acende o seu gramófono para escoitar ópera, todos os días a mesma canción. Ten un amigo, Tulún, un neno de 5 anos que todos os días ás 12 da mañá vaino visitar para levarlle pan, leite e o xornal. Luppo cóntalle historias fascinantes da súa vida e segredos que agocha no seu gramófono… Un día Tulún chega a casa de Luppo e este non está...

"Luppo" está dirixida por Óscar Ferreira e conta sobre o escenario con Andrea Bayer, actriz e dramaturga, e Xosé Manuel Esperante, actor cunha ampla experiencia teatral, cinematográfica e televisiva. Daniel Abalo é o encargado do deseño de luz e son, a escenografía é de Óscar Ferreira e Juan Silva e o guión de Andrea Bayer.  

Feria de Teatro de Castilla y León

A Feira de Teatro de Castilla y León, leva celebrándose 18 anos e hoxe en día é un dos escaparates profesionais máis importantes de España e do resto de Europa na difusión das artes escénicas. O certame celebrouse entre o 25 e o 29 de agosto en Ciudad Rodrigo.

Na Feira de Castilla y León poideron verse todo tipo de propostas e formatos para público adulto e infantil, coa calidade que garante sempre a excelente selección da organización do Festival. A todo isto contribúe o enriquecemento do público asistente, unha audiencia entendida, respetuosa, crítica e rigurosa.

Máis información

Entrevista a Andrea Bayer na Radio Galega

Web da Feira de Ciudad Rodrigo coa listaxe de premiados.

Noticia en Pontevedra Viva

Noticia no Faro de Vigo

Noticia en 20 Minutos


Luppo (trailer VO) - Baobab Teatro - Premio Ciudad Rodrigo 2015

© Baobab Teatro S.L.