A compañía pontevedresa representará a súa obra “Luppo” na feira de teatro, que se celebrará do 25 ao 29 de agosto en Ciudad Rodrigo, Castilla y León, o xoves 27 de agosto ás 11:00 da mañá no Teatro Nuevo Fernando Arrabal de Ciudad Rodrigo, Salamanca.
Luppo é a última produción teatral de Baobab Teatro e unha das 36 obras seleccionadas de entre máis de 1000 propostas nacionais e internacionais recibidas pola organización desta feira teatral. Nesta edición, daranse cita compañías españolas e doutros países europeos, abarcando os máis variados xéneros e estilos: teatro clásico, rúa, musical, danza, teatro de obxectos… A feira, que este ano alcanza a súa 18 edición, é unha das máis importantes de España e todo un referente a nivel internacional.
Baobab Teatro acude con "Luppo”, un espectáculo de sentimentos e emocións pensado para adultos e pequenos a partir de 4 anos, que fala do ciclo da vida, do apego coas persoas, da relación cos nosos veciños e maiores e da importancia das historias que construímos ao longo da nosa existencia.
A peza está protagonizada por un home maior que vive so e todos os días ás 12 en punto de cada mañá acende o seu gramófono para escoitar ópera, todos os días a mesma canción. Ten un amigo, Tulún, un neno de 5 anos que todos os días ás 12 da mañá vaino visitar para levarlle pan, leite e o xornal. Luppo cóntalle historias fascinantes da súa vida e segredos que agocha no seu gramófono… Un día Tulún chega a casa de Luppo e este non está...
En Luppo, a dirección está a cargo de Óscar Ferreira e sobre o escenario estarán Andrea Bayer, actriz e dramaturga e Xosé Manuel Esperante, este último, actor cunha ampla experiencia teatral, cinematográfica e televisiva. Andrea e Xose levan colaborando xuntos en diversos proxectos teatrais e docentes dende hai anos. Daniel Abalo é o encargado do deseño de luz e son, na escenografía Óscar Ferreira e Juan Silva e o guión é de Andrea Bayer.
Feria de Teatro de Castilla y León
A Feira de Teatro de Castilla y León, leva celebrándose 18 anos e hoxe en día é un dos escaparates profesionais máis importantes de España e do resto de Europa na difusión das artes escénicas.
Esta feira celebrarase do 25 ao 29 de agosto en Ciudad Rodrigo, configurando novamente un punto de encontro fundamental para o sector e xerando un escaparate que contribúa á dinamización do mercado escénico. A Junta de Castilla y León organiza esta cita anual que conta coa complicidade dos diferentes axentes do sector, compañías, distribuidores, produtores escénicos, programadores culturais...
Na Feira de Castilla y León poderán verse todo tipo de propostas e formatos para público adulto e infantil, coa calidade que garante sempre a excelente selección da organización do Festival. Todo isto contribúe a un enriquecemento do público asistente, unha audiencia entendida, respetuosa, crítica e rigurosa.