Andrea é quen de facernos un caldo atípico, un caldo que precisa duns ingredientes moi especiais, un caldo con sabor galego. O principal ingrediente que se precisa son orellas que escoiten, outros ingredientes que lle darán sabor a este rico caldo son os contos, contos visuais, contos tradicionais e contos dramatizados aderezados con bonitas cantigas.
Contos para un caldiño convida ao público a escoitar e a deixarnos levar polos contos e polos obxectos visuais que se presentan, así, un chapeu que non é un chapeu, unha tesoira non é unha tesoira. Entre todos construiremos un caldo máxico con poderes especiais para converternos en máis altos, máis rápidos, e máis fortes, se así o queremos… O espectáculo consiste en ir cociñando contos e historias para que así cheiren mellor, nos entren polo nariz e poidamos degustalas.
Espectáculo de interior ou de exterior, para público familiar a partir de 3 anos, divertido e dinámico, onde todos gozamos das historias que se rescatan do ar.